Busca no blog

28/12/09

ARQUEÓLOGOS E TECNOLOXÍA II


Hoxe lía no xornal que, coma un dos síntomas da profunda crise na que nos atopamos, o número de delitos informáticos -especialmente aqueles referidos ás copias ilegais de software- se incrementou en España neste último ano en máis do 500 %.

Algúns dos que nos dedicamos a esta profesión temos experimentado dun ou doutro xeito (non vou dicir nada aquí que me comprometa legalmente) as virtudes de programas coma Autodesk Autocad, Bentley Microstation, Corel Graphic Suite, Adobe Coldfusion e Photoshop, Aplitop TCP-MDT, etc. Por desgraza, dentro do noso sector profesional este grupo aínda non somos maioría. Abundan entre nós (é hora de que se rasque a quen lle pique este comentario) individuos para os que este tipo de aplicacións non son máis que, no millor dos casos, bonitos nomes que citar nunha comunicación a un congreso ou referencias dun currículo que fai augas por outros lados.

Amén dalgunhas situacións onde este feito resulta, se cabe, máis sangrante (as mencionadas na primeira entrada desta liña temática), en todo caso antóxaseme imperdoable que calquera que se faga chamar arqueólogo neste país, non manexe cunha mínima soltura cando menos unha aplicación de cada grupo de uso común na nosa disciplina (base de datos, folla de cálculo, programa de deseño gráfico, asistente de deseño de escritorio, xestor estatístico, etc.), xa sexa mercando a licenza ou incrementando ese cincocentos e pico por cen da estatística ciberdelictiva de 2009.

Só agardo, que o Papá Nöel/Santa Claus ou Rei Mago de turno de cada unha destas persoas, aporte o seu grauciño de area para que cada vez sexan máis os/as arqueólogos/as para os/as que o ordenador non sexa exclusivamente unha caixa metálica á que fai falla buscarlle sitio.


Feliz día dos Santos Inocentes.

27/12/09

FOGAR DE BREOGÁN (QUE GRAN TIPO)




O Leabhar Ghabhála Érennv (en galego algo así como “Libro das Invasións de Irlanda ou Irlandesas”) é un conxunto de manuscritos en gaélico compendiados e traducidos ó francés alá polo 1884. Dividido en dez capítulos interésame para esta entrada o segundo “Historia dos Celtas desde a diáspora das nacións ata a chegada a Irlanda” por ser esta a primeira referencia ó ilustre rei galego (ou iso se supón). Atribúese, nesta saga, á dinastía Milesiana (supostamente do latín Miles Hispaniae ou “Exercitos/soldados da Hispania”) as bases da actual etnia irlandesa. Así,o rei brigantino, que non tiña nada mellor que facer, construíu unha torre do copón para ós seus fillos Bile e Íth (isto sucedeu alá polo 1700 a.C segundo o Annala na gCeithre Mháistrí -Anais dos Catro Mestres- ou sobre o 1300-1280 a.C. se seguimos ó padre Seathrún Céitinn e os seus Foras Feasa ar Éirinn –Fundación e Coñecementos de Irlanda-).
Íth, que agardou a ser adulto e sabio para subir á torre (que menos que darlle uso) divisou desde alí verdes terras coas que xa levaba anos soñando e, como era costume na época, decidiu botarse ó mar e invadilas. Para esta tarefa seu pai proporcionoulle a inxente cantidade de trinta homes, tres barcos e –segundo as fontes citadas- un cabalo (do que o vello lle dixo que non se apease nin para mexar). Parece ser que nas Casitérides se lle uniron uns cantos homes (non sabemos o número, pero os barcos tampouco debían de ser para botar foguetes).


Chegados a Irlanda atopáronse con que os tres herdeiros ó trono de Eire estaban a tortas entre eles (un posible motivo deducible polas fontes é que, pese a ser fillos do rei Neith, se chamaban Mac Cuill, Mac Grené e Mac Crech). Pois ben, como soe pasar neste tipo de situacións, os tres irmáns (cando menos por parte de nai) deixaron momentaneamente a un lado as súas disputas sucesorias para levarse por diante os galegos, que claro está, non tiñan as de gañar.


Íth morreu por caer do cabalo que, aínda que fose por accidente, non deixaba de ser unha grave desatención ó consello do seu visionario pai. Os que quedaron dos trinta e os “acoplados” casiterinos volveron a Brigantia con Íth no lombo do equino (un pouco tarde pero…) e chibáronse ó papá. Este decidiu volver ós verdes pastos co neto do fiambre e, coma é frecuente nos pais, vingar a morte do seu fillo. Para o desquite din que empregou 34 barcos e xente armada ata os dentes –típica aptitude de proxenitor con cargo de conciencia: o de “a boas horas mangas verdes” non soe servir de moito nestes casos-. E, efectivamente, foron, viron, venceron e alí se quedaron, fundando unha dinastía de “grandes reis” digna do Silmarilion de Tolkien.
Do Rei Breogán, en Galicia non quedou nin o recordo ata o século XIX, cando algúns “rexurdidores” decidiron tirar man del, uns para facer (enténdase aquí coma sinónimo de fabricar) Historia e outros para a lírica. Quédome cos segundos, Pondal sen lugar a dúbidas á cabeza, por nos deixar varios versos en “Os Pinos” que son, en definitiva, os que motivan esta entrada.

25/12/09

ARQUEOLOXÍA LÚDICA 2




World of Warcraft é un dos maiores videoxogos de rol multixogador online masivo no que, a través dun avatar, nos transportamos a un mundo de fantasía baseado na saga Warcraft, á súa vez claramente inspirada nas mitoloxías creadas por Tolkien, Dungeons & Dragons e as sagas dos Reinos Esquecidos. Básicamente fantasía épica, ambientada nun mundo máxico con enormes reminiscencias do renacemento dos mitos de cabaleiría do romanticismo do século XIX.
En calquera caso, nestes últimos días está a ser novamente famoso polos spots publicitarios protagonizados por Mister T e as súas famosas "granadas mohicanas". No entanto, a presente entrada ven motivada por un "flash" cando menos curioso para un xogo destas características, que puiden observar no teaser previo ó lanzamento da cuarta das súas expansións: "Cataclismo". Entre os múltiples atractivos que se publicitan para esta nova entrega está o que recollo na derradeira das imaxes. Non chego a comprender moi ben coma un elfo paladín ou un cabaleiro da morte poderían aproveitar os incríbles poderes que o coñecemento arqueolóxico lles pode proporcionar. Estarán suxeitos ós Servizos de Inspección e Vixilancia? Entregar Memorias Técnicas aumentará os puntos de carisma? O mundo do videoxogo nunca deixará de sorprenderme.

24/12/09

ARQUEOLOXÍA LÚDICA 1








Os meus queridos Ana e Ignacio (neste caso máis Ana) son no sentido informático unha especie de "camellos". Ana introduciume no vicioso mundo dos SIMS xa fai uns aniños: certo é, non nos imos enganar, que me deixei enganchar sen demasiada resistencia. Desde aquela, cada certo tempo subminístranme a miña dose de xogo a base de agasallarme coas novas actualizacións que van saíndo e certo é que, lonxe de queixarme, agradezo esa magnífica vía de escape que me proporciona estribillar coas ferramentas de arquitectura do mencionado programiña de Electronic Arts. A última actualización (SIMS3 World Adventures/Trotamundos) permíte a viaxe a diferentes localizacións, inspiradas en lugares reais. Achego aquí algunha captura de Al Simhara, que nos deixa recoñecer algunhas ubicacións de sobra coñecidas, xa non para arqueólogos, se non para calquera persoa cun mínimo de cultura xeral.
Nota: estas entradas están especialmente dedicadas a Bea, pola súa paixón por contextos sacados de idem no mundo da historia. Un abrazo.

PERSPECTIVA







Revisando algunhas carpetas de fotos, atopeime esta mañá de Noiteboa cun cartafol dunha viaxe que fixen en 2003 a Salamanca en Semana Santa. Naquela ocasión, na Catedral Vella había unha exposición dun escultor do que, por desgracia non lembro o nome. O caso é que a exposición era monográfica dunha soa peza, considerando esta como elemento singular.
De tódolos meus coñecidos é sabido que pese ó meu non cristianismo, teño grande admiración por certas manifestacións de arte sacro, especialmente pictóricas. No entanto, ata ese momento nunca unha obra deste xénero que poderiamos considerar, cando menos, non-figurativa (por non chamala abstracta), me producira ningún tipo de sensación. Con esta escultura a admiración é tal que adquirín unha copia en alabastro da mesma para poder observala con detemento. Pois ben, o elemento embelesador desta figura é que, mediante unha sinxela fórmula escultórica de liñas extremadamente simples, o autor conseguiu xogar coas evocacións máis relevantes da iconografía cristiá clásica. Así, segundo o ángulo en que a miremos, a mesma figura pode representar diferentes momentos da vida mariana, desde a anunciación (posición de xeonllos), a concepción (momento pomba), o estado en cinta e a representación clásica da Virxe co neno nos brazos. Ó meu parecer, un verdadeiro portento do xogo de perspectivas que serve para reflexionar sobre as percepcións que, dun mesmo feito, poden chegar a ter diferentes individuos. Todo depende, neste caso, do ángulo no que se mire e non do cristal co que se faga. Un saúdo e boas Noiteboa e Ashura (ós do Hánukkah xa me vai un pouco tarde).

23/12/09

ARQUEÓLOGOS E TECNOLOXÍA I


Fai xa un tempo que lle levo dando voltas ó asunto este da práctica (e ausencia dela) informática en arqueoloxía.

Se a nosa profesión ten serios problemas para definir básicamente o que é e cal é o seu método (ou, en moitos casos, a que disciplina llo "colle prestado"), un paso máis alá, sexa cal sexa a opción escollida polo profesional para responder ós dilemas anteriores, é como se integran eses cacharros electrónicos que nos rodean máis alá do uso do güor, e o imeil. Non vou entrar en elementos de nivel Super-Guerreiro de Nivel 4 como a xeoreferenciación ou o uso das Estacións Totais (esas olvidadas amigas).

Limitareime a expoñer un caso no que, por preserva-lo seu prestixio profesional, vou manter ós protagonistas no anonimato. Xa fai tempo que as diferentes administracións locais daqueles municipios cun mínimo de entidade, veñen solicitando ós arqueólogos -imaxínome que tamén a outros profesionais con características de traballo similares- a referenciación dos elementos recollidos nos informes á malla topográfica urbana oficial (xeralmente de doada consulta en calquera dos Departamentos Territoriais/Delegacións Provinciais). Ata aí todo ben: dentro do rigor de rexistro que debería caracterizar calquera tipo de intervención destrutiva (como son por definición as intervencións arqueolóxicas) non só é convinte, senón imprescindible, o maior grao de precisión na localización dos elementos rexistrables. Agora ven o bo. A empresa na que traballo, ten por costume, adaptándose a esta coherente esixencia, axuntar un CD co rexistro cartográfico en formato CAD para a consulta, toma de medidas, etc. Levamos facendo esto desde fai tres anos, e ata o momento nunca tivemos ningún tipo de problema. O outro día, nunha visita dun técnico adscrito a unha administración (non vamos a dicir cal), coméntame este que unha das cartografías impresas recollidas no Informe Valorativo é escasa en número de cotas. Eu explícolle que, polas dimensións da sondaxe, para non saturar visualmente a imaxe, se recolleron aquelas que representaban, ó parecer do équipo técnico, as inflexións más relevantes no substrato, pero que, en calquera caso, nos arquivos dixitais que se axuntaban ó Informe, se podía observar o levantamento íntegro, non só dese nivel, senón de tódo-los estratos que o antecedían coas súas respectivas coordenadas UTM . A resposta: "é que eu en formato dixital non miro nada". ¿Entón, para que carallo pedides a referencia á malla topográfica urbana? ¿De que carallo vos sirven as Z sen un X e un Y? ¿Que carallo facedes nos cursiños de "reciclaxe" profesional ós que seguro ides con fruición e que vos costea a vosa Concellería/Consellería de turno?¿Porque carallo gastamos tantos cartos os arqueólogos en mercar/alugar estacións totais, gps submétricos, e distanciómetros -os que os gastan, claro, pero eso xa é outro conto- se o elemento máis tecnolóxico que parece que usan os técnicos das administracións é o escalímetro Faber Castell de madeira?

Acepto, e agradezo todo tipo de explicacións e comentarios que me poidan aclarar, en definitiva, por que algúns arqueólogos de Servizos Técnicos oficiais (con honrosas excepcións) parecen uns negados para a Tecnoloxía. (continuará)

VOLVEMOS...A VER QUE PASA

Durante este último ano, e ante a imposibilidade, moitas veces, de reflexar coa extensión que se merecen (que se merecen, para min ó menos) algunhas das reflexións que debullo habitualmente, volve a reactivar o blog (máis que nada porque é máis doado que abrir un novo), esta vez con carácter máis xeral e con menos miramentos -se cabe- á hora da "corrección política": a ortográfica era e será ausente. Así que benvido eu. Again.