Busca no blog

9/1/11

GRABADO A LUME



Espertoume un estralo. Non era infrecuente que na miña casa me espertase algún ruído de cerámica escachando no chan (vivir con gatos acostúmate a espertarte con algunha desas sorpresas de madrugada). Pero este un de decembro, algo foi diferente. Non había luz...e un ruído xordo, como dun vento que entra pro unha fiestra mal pechada, bruaba no aire. Erguinme do sofá -deitábame alí cando quería espertar moi cedo pola mañá- e achegueime ó pasillo. "debe de estar tronando e foise a luz", pensei, pero o enorme resplandor que saía da cociña púxome de súpeto na realidade. Todo o que veu a continuación foi unha sucesión de diapositivas sen orde concreto, aínda que cunha nitidez pasmosa. A inmensa bola de lume, os anacos de teito caíndo, a visión fugaz de Maki, o teléfono a tentas, as chamadas o 112, ós veciños, a Rebeca e a Ana...a porta que se pechou, e a angustia infinita de non poder volver a entrar...de que non te deixasen entrar.
Fervíame a cara, sentía o pulso na gorxa e un inmenso sabor metálico facía que cada trago de saliva fose unha tortura. Lembro a Rebeca, chegando con bágoas nos ollos,á súa nai, a Ana, a Graciela e a Txitxi. Lembro o cheiro...un cheiro que non esquecerei nunca máis. Lembro cando me dixeron que preguntaron que facía cos corpos de Maki e Holly. Lembro o tempo infinito na ducha sen sacar o borro coa cara descarnada e o corazón roto. Lembro chamadas rexeitadas. Lembro unha dor infinita por esa gota que colma o vaso.
Pasou un mes. agora vivo na miña casa...esa que Rebeca e mais eu íamos arreglar pouco a pouco e que o xabato de meu pai logrou deixar nova en días. Mentres escribo esto, á miña beira Sort -ese cravo marabilloso co que tentaron que a lembranza dos que xa non están sexa menos dorosa- durme tranquilo cun "rum-rum" de moto de xoguete.
Hoxe lembro outras diapositivas, tamén descolocadas, pero igualmente claras: a Ana, Txitxi (a miña familia escolleita e moi ben escolleita), Javi porque pase o tempo que pase segue sendo un amigo, a Gracieliña que ademáis de amiga é taxista, cargadora, confidente e mil cousas mais, Cristina, ó meu irmán por ser verdadeiramente o meu irmán, os meus pais, á miña marabillosa sogra e ó tío Quintín, á Carmen e Sito por darnos unha casa temporal, a David por estar a moitisimas duras e moi poucas maduras, a Bea que sempre está aí, a Neky, a Estela e Alberto, a Melina, a César e Esther, a Raqueliña e ó Iago, á Ximena -que ten un corazón grande como a Arxentina- a Rosiña e Bisco, Carmen e Vic, Marisa, Cris, Sabela, Isa, Jose, Dino, Andrés, Alicia, Elena, Uxía...ó señor Edelmiro e á súa muller, a Graciela e Lucho, a Marta e Laura, a Begoña e a Rebe por ser a miña muller, xa agora.
As lembranzas levareinas todas comigo: as primeiras, grabadas a lume. As segundas gardadas con cariño infinito no corazón. Moitas grazas a todos os que estivestes e seguides estando aí.

No hay comentarios: