Busca no blog

24/12/09

PERSPECTIVA







Revisando algunhas carpetas de fotos, atopeime esta mañá de Noiteboa cun cartafol dunha viaxe que fixen en 2003 a Salamanca en Semana Santa. Naquela ocasión, na Catedral Vella había unha exposición dun escultor do que, por desgracia non lembro o nome. O caso é que a exposición era monográfica dunha soa peza, considerando esta como elemento singular.
De tódolos meus coñecidos é sabido que pese ó meu non cristianismo, teño grande admiración por certas manifestacións de arte sacro, especialmente pictóricas. No entanto, ata ese momento nunca unha obra deste xénero que poderiamos considerar, cando menos, non-figurativa (por non chamala abstracta), me producira ningún tipo de sensación. Con esta escultura a admiración é tal que adquirín unha copia en alabastro da mesma para poder observala con detemento. Pois ben, o elemento embelesador desta figura é que, mediante unha sinxela fórmula escultórica de liñas extremadamente simples, o autor conseguiu xogar coas evocacións máis relevantes da iconografía cristiá clásica. Así, segundo o ángulo en que a miremos, a mesma figura pode representar diferentes momentos da vida mariana, desde a anunciación (posición de xeonllos), a concepción (momento pomba), o estado en cinta e a representación clásica da Virxe co neno nos brazos. Ó meu parecer, un verdadeiro portento do xogo de perspectivas que serve para reflexionar sobre as percepcións que, dun mesmo feito, poden chegar a ter diferentes individuos. Todo depende, neste caso, do ángulo no que se mire e non do cristal co que se faga. Un saúdo e boas Noiteboa e Ashura (ós do Hánukkah xa me vai un pouco tarde).

No hay comentarios: