Busca no blog

2/1/10

SOCIEDADE MATRIARCAL




Hoxe vou falar de matriarcado. Din os antropólogos –os serios, que tamén os hai- que non podemos falar da existencia de ningunha sociedade matriarcal por moito que busquemos no mundo actual, dentro das mal chamadas “sociedades primitivas” ou no mundo pretérito nas sociedades que, aínda sendo primitivas, non denominamos dese xeito.
O máis semellante ás estruturas deste tipo que se pode recoller das fontes históricas, son as sociedades matriliñais, isto é, aquelas en que os bens e estatus se adquiren e herdan pola liña feminina da familia. Responde esta organización, parece ser, a un principio básico de conservación presente en calquera especie: o home/macho é prescindible, e polo tanto é preferible orientalo ás tarefas máis arriscadas (caza, defensa –xeralmente violenta- do territorio, etc.), namentres a muller/femia, como perpetuadora da especie, orienta a súa actividade a labores de menor risco para garantir a crianza das novas xeracións e a garda do fogar sendo, polo tanto, a que máis garantías ofrece para a preservación do patrimonio familiar –xenético e material-.
Aínda que este sistema poida resultar ós ollos actuais un pouco demodé, o certo é que semella ser parte da nosa herdanza mamífera máis primitiva e resultou enormemente eficaz na conservación dunha especie, tan precaria no conxunto do reino animal coma a nosa. O problema é que o eslavón máis feble da cadea –neste caso o home/macho- levou a cabo unha “volta de caravilla” sobre o planeamento orixinal incorporando un compoñente de prestixio e, polo tanto, de poder, a esa asunción de riscos imposta, ou dito doutro modo: “xa que vou ser eu quen a espiche, o que manda tamén son eu”. Isto pasou nos máis remotos dos tempos, cando os taparrabos non era unha opción estética senón unha obriga protectora e, desde aquelas a cousa tampouco cambiou tanto.
Deime conta disto onte, cando vía un documental no que o locutor empregaba o termo “sociedade matriarcal” para referirse ó sistema de organización interna dos macacos xaponeses da rexión de Koshima, e fíxome moita graza. Ó mellor algunha esperta mente feminista síntese enormemente ofendida por este comentario (ó que por outra banda cuestionaría bastante o de “esperta mente”) pero o certo e que, considerar que avoas, nais e fillas/os se dediquen a quitarse os piollos entre si nunhas pozas termais namentres o avezado macho primate catarrino vai recoller uns cantos ovos e cogumelos como unha sociedade comparable co mundo no que se insiren ós seus conxéneres primates xaponeses máis próximos (os humanos), resultoume cando menos divertido. Pola tarde pasei polas termas da Chavasqueira que estaban, coma case sempre, cheas e o paralelismo do narrador xa non me pareceu tan desatinado, “está sería unha sociedade matriarcal para calquera primatólogo” pensei, e botando por terra todo o que estudei sobre antropoloxía, marchei na procura de cogordos e ovos para a miña moza. Feliz 2010 a todas/os.

No hay comentarios: